Blogia
Relatos breves

"Luz e sombra", enviado y escrito por Ruco

Na lamela orballa con lentitude; cada pinga parece agardar o empurrón do vento para moverse, e no intre de agardar, fórmase un fume de incenso enriba dos carballos; éstes, cunha calma de pesadelo, e noutra agonía estacional de outono, permiten as tebras da noite pendurar das súas follas. Unha voráxine de silvas e fentos, lame as pólas máis baixas con desexo.

Baixo un leito de follas e cuberto de vermes, vive un home imposible neste bosque; nacido dunha lamela e baixo a lei da natureza, vive agora ó pé do sol, que acolle ós seus ollos cun raio cegador.

Os seus ollos perseguían ó sol como cazador á presa, cada día achegábase máis, un día acadaba o cumio dun penedo, o seguinte rubía por unha árbore, o outro chega onda un outeiro. Pero necesitaba achegarse máis, e a imposibilidade desto, frustrábao.

Chegou o día no que decidiu voar, facer unhas ás coma as das aguias ou as dos falcóns. Así foi que se puxo ó traballo; coas primeiras, feitas de faísca, lanzouse por unha gándara, e foi rompe-los ósos nunha fervenza; coas segundas, feitas de follas, obtivo un resultado semellante. Cando ía polas décimas, e de novo fracasou; comprendeu entre bágoas que cada intento era un novo fracaso, e que xamáis acadaría os ceos por moito que o tentase.

Pasou un tempo de desesperanza, ata que escoitou algo no seu interior, un laído demente, un berro convulso, unha dor no peito, que rubiu polas súas costas e rebentou na súa cabeza, e cos golpes sentía tantariña-las súas pernas, e ó fin caeu derrubado, perdendo a consciencia.

Espertou coa lama abalaándoo; tentou suspirar pero non puido, tentou falar, pero non sentiu senón un torrente de burbullas pola súa gorxa; cuns ollos opacos tampouco puido ver, pasando a man pola súa face inexpresiva, advertiu que nin sequera tiña face; abraiado, trémulo, cunha doorosa presión no ventre, palpou moi lentamente as súas costas, e encolleuse cun arrepío, cando foi palpando polas inmensas ás, que, noxentas, penduraban das súas costas. Mirou sen ollos cara ó ceo, surxindo dentre as árbores como un anxo dentre as nubes; bateu con forza as ás cara o sol, mentres o vento arrincáballe pingas de lama do seu corpo,¡e os seus ollos abríanse!, rompendo o fío que os pechara.

A cada intre atopábase máis preto das nubes, e cando chegou por enriba delas, pouco a pouco sentiu coma os ceos cubríano de pequenos cristaíños; convertido en xeo, dificultando o seu voo, mentras a rixidez facíase cos seus membros; comezou a caer, chegando ó pouco o golpe contra o mar, cando xa só era cachos do que fora; e alí ficou ás ordes do mar escoitando a resposta da escuridade.
¿Y esta publicidad? Puedes eliminarla si quieres.

1 comentario

Anguper Em Olutac -

Me he quedado extasiado.Ahora me gustaría beber. De la santa cruz debería compartir sus delirios con un humilde servidor en el París.
¿Y esta publicidad? Puedes eliminarla si quieres
¿Y esta publicidad? Puedes eliminarla si quieres